Area para recuperar a memoria do Parrote

Máis de medio centenar de persoas xuntáronse na maña deste sábado nas murallas defensivas da Cidade Vella para verte area sobre a finca que hoxe ocupa a Solana nun acto simbólico que pretendía lembrar que, antes de ser un complexo deportivo de pago, eses terreos eran a praia do Parrote, un espazo público e aberto aos veciños. O acto, que comezou ás 12.30 horas, foi concebido polo artista Pepe Galán e organizado pola Comisión Aberta en Defensa do Común, que reclama recuperar tanto a “memoria histórica” da existencia do areal como que a titularidade das fincas da Solana e o Hotel Finisterre para o Concello. Actualmente pertencen á Autoridade Portuaria, institución pública que as pretende privatizar vendéndoas á inmobiliaria Río Mero.

O lanzamento simbólico da area veu precedido por varias intervencións relacionadas co pasado da praia do Parrote e a súa importancia para A Coruña. Rosa Quiroga, veciña da Cidade Vella, lembrou como antes do recheo o areal era un espazo de socialización e desfrute dos veciños deste barrio, no que os nenos máis novos aprendían a nadar mentres os coidaban os rapaces maiores e escoitaban de fondo a “tertulia de las madres” que falaban de todo o que acontecía na Coruña e bisbarra. Naqueles tempos o acceso era gratuito, despois construiuse a Solana e “hubo que pagar”, e agora, sinalou, amenaza aos terreos unha privatización que “está en nuestras manos” deter coa “forza popular”, como se fixo, lembrou Quiroga, co proxecto para transformar o veciño Hospital Militar nun hotel.

O arquitecto e investigador Xosé Lois Martínez citou ao intelectual Italo Calvino para sinalar que o que define a unha cidade “non son os obxectos, senón as relacións” que establece a población con eles. Así, explicou que a praia do Parrote foi o “berce ” da Coruña, tanto urbanística como socialmente, pois este areal protexido dos ventos era un porto natural que propiciou que en torno a el se creara o asentamento primixenio do que xurdiu a cidade que hoxe coñecemos. Repasou as diferentes concepcións da Coruña ao longo da historia, como baluarte militar na Idade Moderna, como cidade comercial burguesa no século XIX, ata chegar ao franquismo, a partir do cal “o uso privado é o que manda” e empezou a venda ou concesión a propietarios particulares de lugares clave da franxa costeira, entre eles a propia Solana e o Hotel Finisterre (construido sobre os terreos dunha antiga cárcere que se cederon nos anos 20 ao Concello da Coruña para uso público). A estas alturas, en opinión de Martínez, é necesaria a reflexión sobre un modelo alternativo de cidade ante a hexemonía da opción “neoliberal”.

Pepe Galán, escultor e ideólogo do acto, insistiu na necesidade de preservar a memoria da praia do Parrote, “á que lle fixeron un traxe de cemento os tiburóns de terra”, e tamén a dos desaparecidos regatos que chegaban ao mar nela tras nacer nas fontes da Cidade Vella. Manuel Monge, membro da Comisión, afirmou que a organización seguirá loitando pola devolución “gratuita” da Solana e o Hotel Finisterre, cuxa subasta se reactivará en agosto, para convertirse en espacios de desfrute cidadán.

Despois das intervencións, os asistentes esparciron presadas de area á altura da Porta do Cravo (fronte aos Xardíns de San Carlos), acompañándose de berros de “Praia!” e toques de bucina.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s