Moción aprobada no Pleno da Coruña, o 6 de marzo de 2017

          MOCIÓN APROBADA NO PLENO DA CORUÑA DO 6 DE MARZO DE 2017

Os grupos municipais de Marea Atlántica e BNG, a iniciativa da Comisión Aberta en Defensa do Común, presentan a seguinte

MOCIÓN

sobre unha manifestación en apoio das reivindicacións da Comisión Aberta en Defensa do Común, e a celebración dunha Consulta Popular para coñecer a opinión da cidadanía sobre esas reivindicacións.

A Asemblea Cívica celebrada no salón de plenos de María Pita o pasado 22 de febreiro acordaba a celebración dunha manifestación en apoio das reivindicacións da Comisión aberta en Defensa do Común, apoiada por máis de 60 entidades, así como presentar no pleno de marzo unha moción para a celebración dunha consulta popular.

A participación cidadá é un elemento fundamental da democracia, que non pode limitarse  a emitir un voto cada certo tempo, senón un dereito da cidadanía para opinar e decidir sobre todos os asuntos que lle competen e na xestión municipal. O artigo 23 da Constitución recolle o dereito a “participar directamente nos asuntos públicos”. E o artigo 18b da Lei 7/1985 de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local (LBRL) de 1985 recolle tamén o dereito da veciñanza a “participar na xestión municipal”. Por iso, chamamos a participar na Consulta Popular convocada polo concello.

A Coruña ten unha longa tradición, despois da ditadura franquista, na participación cidadá. Así, o primeiro Regulamento de Participación Cidadá, aprobado en 1982, xa entendía a participación cidadá como “colaboración da cidadanía na toma de decisións”. E recollía o dereito de consulta popular “como medio de coñecer a opinión da cidadanía dun distrito ou varios, ou do conxunto do municipio”.

A Consulta Popular está recollida no actual Regulamento Orgánico de Participación Cidadá. Así, o artigo 10 referido á Consulta Popular, do Capítulo II, .Do exercicio dos dereitos de participación cidadá, da Sección 3ª, Da iniciativa popular e do dereito de petición, sinala: “1.O alcalde, previo acordo do Pleno por maioría absoluta, poderá someter a consulta popular os asuntos da competencia propia municipal e de carácter local que sexan de especial importancia para os intereses dos veciños, salvo os relativos á Facenda Local. 2. A celebración da consulta axustarase ás disposicións xerais e, no seu caso, ao procedemento estabelecido pola lexislación do Estado en materia de referendo. 3. Adoptado o acordo plenario, o Alcalde remitirá á Xunta de Galicia copia literal do mesmo, precisando os termos exactos da consulta. Convocada a consulta, darase a máxima publicidade a través dos medios expresados no artigo 5.

Do mesmo xeito, o procedemento está regulado na LBRL e tamén na Lei 5/1997 da Administración Local de Galiza, como recolle o artigo 257, dentro da sección 4ª, Consultas Populares, do Capítulo 5º, Da información e participación cidadá: “b) O Consello da Xunta de Galicia enviará a solicitude municipal ao Goberno do Estado, adxuntando, no seu caso, un informe sobre a conveniencia de efectuar a consulta, de conformidade co interese xeral de Galicia. c) Corresponderá ao Goberno do Estado autorizar a consulta. d) Concedida a autorización, no seu caso, e de conformidade coa resolución municipal, o Consello da Xunta de Galicia convocará a consulta popular mediante Decreto.

A mobilización cívica conseguiu paralizar temporalmente a poxa anunciada polo ministerio de Defensa. A Comisión en Defensa do Común sempre reivindicou a suspensión indefinida desa poxa e a devolución gratuíta ao concello da Coruña deses terreos para uso público porque son espazos comunais, cedidos ao ministerio de Defensa para instalacións militares, bens propios pertencentes á cidade desde a súa fundación. Non pedimos nada especial porque sabemos que Defensa cedeu edificios e terreos gratuitamente noutras moitas cidades como Barcelona ou Alcalá de Henares.

Queremos recuperar a historia, continuando con aquel espírito liberal, progresista e de compromiso coa cidadanía do goberno municipal da Coruña, que xa en 1840 solicitaba a devolución dos terreos do Campo da Estrada porque “El terreno de que se trata no puede pertenecer a la nación, pues es de este pueblo”. E a corporación municipal aprobaba na sesión plenaria de 10 de novembro de 1858 “Elevar a S.M. [raíña Isabel II] una reverente exposición suplicándole se digne conceder a este ayuntamiento la propiedad que le pertenece del terreno que ocupaba la fortificación demolida entre la ciudad alta y la baja de la población”.

Cómpre a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), posibilitando a posta en valor do Patrimonio Urbanístico, Arquitectónico e Arqueolóxico da Coruña e a súa adaptación aos valores e necesidades culturais e sociais da cidadanía e non ao servizo de intereses especulativos e mercantilistas.

A praia do Parrote sempre foi nosa, un espazo público para disfrute da cidadanía coruñesa. Co traslado do vello cárcere á zona da Torre de Hércules aproveitouse para facer unha piscina, o Hotel Finisterre e, despois, dun recheo da praia, as instalacións deportivas de La Solana. Esiximos á Autoridade Portuaria a suspensión indefinida das anunciadas poxas e a devolución gratuíta ao concello da Coruña para equipamentos públicos de La Solana e do hotel Finisterre cando acabe a actual concesión en 2027. Por outra parte, o Concello tomará medidas para garantir a titularidade municipal e o uso público da Solana e do hotel Finisterre, adoptando as necesarias modificacións do PXOM.

O porto exterior é unha obra do Estado e, xa que logo, debería  ser o Estado quen pague a súa construción a través dos Orzamentos Xerais do Estado. Os convenios, como o asinado en 2004 entre o concello da Coruña e Fomento, son resultado de acordos políticos entre distintas administracións, tomados nunhas determinadas circunstancias. Hoxe esiximos a cesión gratuíta ao concello de todos os terreos portuarios a desafectar a través dun novo convenio, asumindo o Estado o custo íntegro e as débedas da construción do porto exterior de Punta Langosteira e as súas conexións. Mentres se lle pide á Coruña que venda os terreos dos seus peiraos, Fomento rescata con 5.000 millóns de euros as ruinosas autoestradas radiais de Madrid.

A Coruña non pode ser unha excepción, asumindo parte do custo ou débedas pola construción do porto exterior, que non se esixe noutras cidades. Esas cargas condicionarían o deseño urbanístico dos terreos que queden libres nos actuais peiraos, despois do traslado de certas actividades portuarias a Punta Langosteira: número de vivendas sociais, equipamentos públicos, zonas verdes, rede viaria etc. Non queremos un trato discriminatorio porque hai moitos precedentes, como a cesión gratuíta polo Estado a Valencia  dun millón de metros cadrados de peiraos do porto, financiando, ademais, a súa transformación co pago de 440 millóns de euros dun crédito do ICO.

A Corporación Municipal apoiou mobilizacións cívicas en numerosas ocasións en defensa dos intereses da cidade, de Galicia, dos postos de traballo, de reivindicacións sociais etc. Así, o Pleno extraordinario de 14 de setembro de 1981 apoiaba unha concentración cívica –despois dunha proposta de moción presentada por diversos grupos políticos, asociacións de veciños, centrais sindicais e entidades– contra o vertido de residuos nucleares fronte ás costas galegas. Chamaba á asistencia da Corporación e “que se adopten todas as medidas e accións necesarias e conducentes a dar a dito acto o maior realce, como a publicación dun Bando da Alcaldía, convocando aos coruñeses a sumarse a dito acto e actuación da Banda Municipal”. E no Pleno de 6 de febreiro de 2017, o Pleno apoiaba a mobilización convocada polas Marchas da Dignidade

Por todos estes motivos, o Pleno toma os seguintes,

                                                       Acordos

1.Apoiar a manifestación, invitando á cidadanía a participaren na mesma, convocada para o 7 de maio pola Comisión Aberta en Defensa do Común (que conta co apoio de máis de 60 entidades), baixo o lema: “Devolución gratuíta da Solana e Hotel Finisterre, todos os peiraos, cárcere e terreos do Campo da Estrada. Non á venda e privatización da fachada marítima. Basta xa de especulación”. A Alcaldía publicará un Bando e o goberno municipal colaborará na difusión desta convocatoria para o éxito da mesma.

2.Proseguir o procedemento de Consulta Popular (expediente xa iniciado o pasado 27 de febreiro pola Alcaldía), segundo o artigo 10 do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá (ROPC) e o artigo 257 da Lei 5/1997 da Administración Local de Galicia. A tal efecto, no prazo máis breve posíbel, someterase ao  Pleno Ordinario na súa parte resolutiva un punto separado na súa Orde do día co obxecto de que se debata e aprobe, se procede, esta Consulta Popular.

3.A Consulta Popular incluirá cando menos unha pregunta, previo ditame de axuste á legalidade en relación coas competencias municipais, con posíbel resposta afirmativa (si), negativa (non) ou en branco, sobre a seguinte cuestión:

Está vostede de acordo coa devolución gratuíta ao concello da Coruña para uso público de La Solana e Hotel Finisterre, cando acabe a concesión en 2027, de todos os terreos portuarios a desafectar, do cárcere e dos terreos do Campo da Estrada, e que o Estado asuma o custo íntegro e as débedas da construción do porto exterior de Punta Langosteira e as súas conexións.

O goberno municipal terá en conta o resultado desta consulta popular nas súas relacións, acordos ou convenios coas distintas administracións públicas.

4.Instar o alcalde para que, unha vez aprobado este acordo polo Pleno, traslade o debate á Comisión de Voceiros para acadar os apoios necesarios e axustar a consulta á lexislación vixente ((data da convocatoria, prazos para a súa publicidade etc).

5.Instar o alcalde para que, de acordo ao aparto 3.a do Artigo 257, da Sección 4.Consultas populares, do Capitulo 5º. Da información e participación cidadá, da Lei 5/1997 da Administración Local de Galicia, dea traslado da decisión do Pleno municipal á Xunta de Galicia para completar o procedemento de acordo aos apartados 3.b e seguintes do citado artigo.

A Coruña, 6 de marzo de 2017

 

 

Xulio Ferreiro Baamonde                                      Avia Veira González

GM da Marea Atlántica                                         GM do BNG